Quero falarvos da festa do Esquecemento, é un evento festivo de recreación histórica, celebrado ininterrompidamente desde o ano 2001 na localidade de Xinzo de Limia, que recorda a chegada das lexións romanas comandadas por Décimo Xuño Bruto ata a marxe esquerda do río Limia.
A denominación desta festa, débese a que as tropas romanas, por mor do singular lugar en que debían cruzar o río Limia, creron acharse perante o lendario río Lethes, o río do Esquecemento, que facía esmorecer todas as lembranzas de quen o atravesase. Ante esta crenza e dificultade, Décimo Xuño Bruto, para que as lexións continuasen avanzando, viuse obrigado a cruzar o río empuñando o estandarte das aguias de Roma e a chamar polo seu nome a cada soldado desde a outra marxe para demostrar que a súa crenza era mera superstición.
A festa ten como momento máis significativo a recreación do paso do río Limia, máis hai outras moitas representacións da tradición e cultura castrexa e romana como danzas, mercado romano, banquetes romanos, desfile de lexións, loita de gladiadores, etc.
Esta festa como xa mencionei ao principio celébrase na Limia, e non podería faltar nesta morea de publicacións que teño ata o momento. Destacar que me parece unha experiencia práctica que debedes experimentar todos e todas, pasádevos por esta zona para celebrar con todos os limiáns e as limianas, máis coñecidos como entroideiros e entroideiras e tamén coas persoas forasteiras que ata este lugar se achegan nestas datas para pasar un bo rato. Pasarédelo ben seguro.
Un bico familia e que vivan as nosas tradicións.